GONZALO RABUÑAL, CORREDOR PROFESIONAL DO KARPIN GALICIA, E PEPE XAGARÓS, RESPONSABLE DE 'MARKETING', PARTICIPARON NA ACTIVIDADE
30 menores de entre 6 e 15 anos participaron no 'I circuito de ciclismo escolar' de Carballo
Martes 8 de xaneiro do 2008
Os menores que asistiron á actividade deportiva recibiron os consellos de Gonzalo Rabuñal, ciclista profesional do Karpin Galicia, que supervisou os exercicios que os escolares realizaron coas súas bicicletas xunto a Pepe Xagarós, responsable de 'marketing' do equipo galego. Hai que lembrar que o Karpin xa realizou en Carballo unha concentración de pretempada.
O concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, destacou a elevada participación no 'I circuito de ciclismo escolar'. Tamén aclarou que "fomentar o exercicio físico entre os menores é unha das prioridades do Concello e creo que se está a acadar".
Pero os afeccionados ao deporte das dúas rodas de Carballo terán aínda durante estes días un motivo de alegría. Porque onte se inaugurou no Pazo da Cultura a exposición fotográfica ‘120 anos de ciclismo galego, 1887-2007’, que permanecerá aberta ao público ata o día 13.
Na apertura da mostra estiveron presentes o alcalde, Evencio Ferrero, a delegada provincial de Cultura e Deportes, Milagres Lantes, o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo e o ciclista do Karpin Galicia, Gonzalo Rabuñal.
A exposición aglutina máis de 50 imaxes a través das cales se ilustra a longa historia do ciclismo galego, desde a primeira competición deportiva na nosa Comunidade ata o triunfo de Óscar Pereiro no Tour de Francia 2006.
Precisamente, o campión galego ten pendente unha visita a Carballo que xa estaba prevista para o mes de decembro e que o corredor de Mos tivo que aprazar por problemas de calendario.