Inicio Carballo ao día Hemeroteca Evencio Ferrero reúnese con alcaldes da...

RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Evencio Ferrero reúnese con alcaldes da Costa da Morte para buscar solucións a problemas comúns

Martes 11 de outubro do 2005

Durante a xuntanza, os asistentes chegaron a unha serie de conclusións que se lle van trasladar ás consellarías competentes en cada área. Entre outras cuestións, falouse de problemas que non se poden solventar dende un único concello, coma o dos incendios forestais que afectaron especialmente á Costa da Morte durante os meses de verán; ou o referente a ríos que artellan comarcas enteiras coma o Anllóns. "Trátase dun xeito diferente de interpretar o territorio", explicou o alcalde de Carballo que reclamou tamén a necesidade de seguir o exemplo doutras zonas "onde consorcios de concellos funcionan perfectamente".

Os problemas enerxéticos tamén foron obxecto de debate. Os cortes de luz, a antigüidade dos tendidos, a necesidade de comezar a aplicar enerxías renovables e alternativas ou a instalación do gas, centraron as reclamacións dos asistentes ao encontro. Canto a infraestruturas, demandáronse mellores conexións viarias, o ferrocarril, a prolongación da AG-55 ata Fisterra e a gratuidade do traxecto completo, o desenvolvemento dos polígonos industriais previstos na comarca ou a importancia do porto exterior da Coruña para potenciar o eixo industrial Arteixo - A Laracha - Carballo.

Outras cuestións que se trataron foron as relacionadas co ensino e coa sanidade. Dunha banda, reclámase que os centros escolares sexan competencia da Consellaría de Educación e que sexa o Goberno autonómico o que se encargue do seu mantemento; e, da outra, solicítase unha mellora no servizo dos centros de saúde de cada concello.

Ao encontro, celebrado na Casa Consistorial de Carballo o luns 10 de outubro, estaban convidados os 16 alcaldes das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra. "En próximas convocatorias teremos que estar moitos máis porque temos que camiñar xuntos para contribuír ao desenvolvemento económico e social da Costa da Morte", explicou Evencio Ferrero, que anunciou que a segunda xuntanza se podería celebrar en Baio, dentro dun mes, posto que a intención dos asistentes é que as reunións sexan itinerantes.

Compartir: