Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello adhírese ao Pacto Territorial...

O CONSELLEIRO DE TRABALLO, RICARDO VARELA, PRESENTOU HOXE UN PLAN QUE CONTARÁ CUNHA INVERSIÓN DE 15 MILLÓNS DE EUROS ESTE ANO

O Concello adhírese ao Pacto Territorial de Emprego da Costa da Morte

Luns 14 de xaneiro do 2008

A adhesión ao Pacto Territorial de Emprego da Costa da Morte farase efectiva no pleno que o día 28 de xaneiro se celebrará no Concello de Carballo. Así o adiantou hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, que participou na presentación deste plan xunto ao conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, no Pazo da Cultura da capital bergantiñana.

Tamén estiveron presentes nesta xuntanza o secretario xeral da Unión Comarcal de CCOO da Coruña, José Manuel Lado, o seu homólogo de UGT-Galicia da Coruña, José Carrillo e o membro da Comisión Executiva da Confederación de Empresarios da Coruña, Juan Manuel Cancela.

Todos os asistentes á reunión actuaron como voceiros das entidades que dan sustento a un proxecto que nace do 'Novo marco de relacións laborais en Galicia: Acordo polo emprego', según aclarou a Consellería de Traballo a través dunha nota de prensa.

O Pacto Territorial de Emprego da Costa da Morte nace coa finalidade de planificar políticas laborais "por un valor aproximado de 15 millóns de euros", aclara a nota. Este plan dará cobertura a 18 concellos.

Ademais de Carballo, están incluidos no mesmo A Laracha, Malpica, Ponteceso, Coristanco, Cabana, Laxe, Zas, Camariñas, Vimianzo, Mazaricos, Dumbría, Muxía, Cee, Fisterra, Corcubión, Carnota e Muros.

Compartir: