AS DÚAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS RECUPERARON A SÚA ACTIVIDADE DESPOIS DOS TRABALLOS QUE ELEVARON AS SÚAS PRESTACIÓNS
Os usuarios xa desfrutan das melloras no pavillón de Bergantiños e no campo de fútbol das Eiroas
Martes 15 de xaneiro do 2008
O luns, día 14 de xaneiro, reabriuse ao público o pavillón de Bergantiños, que permaceu pechado menos dun mes para proceder á renovación do seu pavimento e para realizar traballos de mantemento. Esta instalación deportiva municipal, ubicada na rúa Carballo Calero, dispón agora dun firme de linóleo que ofrece unhas prestacións óptimas para a práctica deportiva que se desenvolve nesta infraestrutura.
A calidade do pavimento de linóleo que subtituiu ao desgastado firme do pavillón de Bergantiños está avalado por organismos do prestixio da Federación Internacional de Baloncesto (FIBA), ou da Federación Internacional de Balonmán (IHF). O investimento total desta obra ascendeu ata os 57.000 euros.
O concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, explicou que esta inversión era necesaria "porque o anterior pavimento estaba moi desgastado". Tamén precisou que esta mellora aumentará a comodidade dos deportistas "e contribuirá a minimizar o risco de sofrir lesións".
Pero o ano 2008 trouxo tamén para os deportistas de Carballo a boa nova do remate das obras no campo municipal de fútbol das Eiroas, que recuperou a súa actividade o pasado venres, día 11 de xaneiro. Neste caso, os traballos de mellora foron de maior calado e o investimento nos mesmos superou os 300.000 euros.
As obras consistiron na instalación dun céspede artificial de última xeración, que está avalado pola Federación Internacional de Fútbol (FIFA) e dun novo sistema de rego. Tamén se mercaron porterías abatibles de fútbol-7 e porterías para adestramentos. Trigo Facal destacou que estas melloras "contribuirán a que os equipos que empregan esta instalación dispoñan de máis elementos para que a práctica deportiva se leve a cabo nas mellores condicións".