OS ESFORZOS DA POLICÍA LOCAL "DERON OS MELLORES RESULTADOS", DESTACOU O CONCELLEIRO DE XESTIÓN MUNICIPAL, BENEDITO VIÑA
A Campaña de Seguridade de Nadal sáldase con éxito e sen incidentes destacables
Martes 15 de xaneiro do 2008
A campaña incidíu en tres ámbitos de actuación: a seguridade cidadá, a comercial e a viaria, e nos tres casos "se acadaron os obxectivos desexados", explicou o concelleiro de Xestión Municipal, Benedito Viña. Engadiu que durante as festas de Nadal non se tivo constancia da comisión de roubos a persoas nin en comercios nin houbo tampouco que lamentar sinistros de tráfico graves.
Para reforzar a seguridade comercial, efectivos da Policía Local visitaron un total de 200 establecementos. O obxectivo foi recoller información sobre as medidas de prevención de delitos que os propietarios levan a cabo nos seus comercios e facilitarlles unha listaxe de recomendacións para aumentar a efectividade destas medidas. Neste apartado, o Concello de Carballo só tivo constancia de dous intentos de pago con moeda falsa, que foron abortados en ambos os dous casos.
No referente á seguridade cidadá, incrementouse o número de axentes da Policía Local en cada quenda de traballo nos festivos e nas noites das súas vésperas. Este esforzo adicional para disuadir aos delincuentes posibilitou que a Policía Local non recibise denuncia algunha de roubos a transeúntes durante estas datas nas que se incrementou notablemente o tránsito de peóns polas rúas. A seguridade tamén se reforzou con éxito nas inmediacións das entidades de crédito, nas estacións de servizo e no polígono industrial de Bértoa.
En canto ao reforzamento da seguridade viaria, o Concello de Carballo prestou especial atención ás zonas de máis afluencia de público e a aquelas rúas ou estradas que concentraron unha maior circulación de vehículos. "O balance foi moi bo", destacou Benedito Viña, quen engadíu que durante a Campaña de Seguridade de Nadal se rexistraron 15 accidentes no casco urbán cun saldo de 10 feridos de carácter leve, todos eles ocupantes de vehículos.