Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aberto o prazo para inscribirse no curso de...

AS PERSOAS INTERESADAS EN APUNTARSE NESTA INICIATIVA, QUE SE IMPARTIRÁ O 4 E O 5 DE FEBREIRO, PODEN FACELO ATA O 25 DE XANEIRO

Aberto o prazo para inscribirse no curso de condución eficiente que se celebrará en Carballo

Mércores 16 de xaneiro do 2008

Esta iniciativa para fomentar hábitos de aforro enerxético parte do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), da Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (Faimevi) e da Axencia Enerxética Provincial da Coruña (Faepac).

O obxectivo deste curso, dirixido a persoas que dispoñan de carné de conducir de clase B, é fomentar novos hábitos de conducta ao volante. Os beneficios dunha condución menos agresiva son varios: reducir o consumo de combustible ata un 15%, minimizar as emisións contaminantes á atmósfera e aumentar a seguridade propia e do resto dos usuarios e usuarias das vías e estradas.

O curso estará financiado polo Instituto Enerxético de Galicia con fondos do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, e contará cun programa no se combinan as ensinanzas teóricas e prácticas. O curso será impartido por monitores cunha ampla experiencia neste tipo de actividades didácticas ao volante e o número de alumnos por vehículo será como máximo de catro.

Os participantes no curso realizarán un percorrido no coche que conte con elementos representativos da circulación (rotondas, vías de dobre sentido...). Ao remate desta actividade formativa e cívica, aos asistentes ao mesmo entregaráselles un manual de condución eficiente e un diploma acreditativo.

As persoas interesadas en apuntarse a esta actividade formativa poden facelo chamando ao Concello, 981 704 100, e preguntando por Santiago Andrade. Tamén poden acadar máis información sobre o curso e ter acceso á folla de inscrición descargando os documentos que se adxuntan nesta nova.

Compartir: