Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello presenta 'Territorionet', un...

GARCÍA GUILLÍN EXPLICA QUE ESTA INICIATIVA SITÚA A CARBALLO Á VANGARDA NA APLICACIÓN DA TECNOLOXÍA Á ADMIMISTRACIÓN LOCAL

O Concello presenta 'Territorionet', un proxecto dixital pioneiro en España

Mércores 16 de xaneiro do 2008

Territorionet' ten un obxectivo dobre, según aclarou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Guillín. Por unha banda, modernizar a xestión do territorio a través dun xeoportal e pola outra dotar á ofinica técnica de Urbanismo dunha ferramenta de xestión que eleve a súa eficiencia e mellore o servizo. En ambos os dous casos, o proxecto permitirá aos internautas dispor dunha información máis ampla e precisa sobre o Concello e axilizar os trámites administrativos.

Os novos servizos que ofrecerá a ofinica técnica de Urbanismo cando comece a funcionar 'Territorionet' ao longo deste ano son múltiples. Dotaráa dun sistema central urbanístico, permitirá a impresión de planos, a xeración de informes e documentos gráficos, a xeración da cédula urbanística informativa e outras moitas prestacións on-line. Asimesmo, contribuirá a cubrir as necesidades derivadas do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

O concelleiro de Urbanismo, José Antonio Viña, destacou durante a rolda de prensa que adaptarse ás novedades "suporá un importante esforzo para o persoal da oficina técnica, pero o beneficio será grande para a cidadanía pola mellora do servizo".

A dobre vertente do proxecto inclúe a creación dun xeoportal. A través do mesmo potenciaranse os servizos da administración electrónica que xa ofrece o Concello a través da súa web 'carballo.org'. Este sistema de información territorial recollerá cumprida información sobre as diversas ofertas do municipio: lúdica, turística, hostaleira, de equipamentos e un sinfín de aspectos de interés para a cidadanía. Tamén incluirá un rueiro actualizado e posibilitará a xestión dos espazos públicos.

Desde o Concello destácase a utilidade que terá esta ferramenta tecnolóxica para poder realizar todo tipo de estudos comerciais ou estadísticos sobre Carballo e, en definitiva, para dinamizar a actividade enconómica do municipio.

Compartir: