AS EMPRESAS E COMUNIDADES VECIÑAIS INTERESADAS NA PRESTACIÓN DESTE NOVO SERVIZO, DEBEN SOLICITALO CHAMANDO AO 981 704 100
O Concello recollerá gratis o aceite de cociña usado a hostaleiros e comunidades veciñais
Xoves 17 de xaneiro do 2008
Este novo servizo encádrase dentro dos esforzos que realiza o Concello de Carballo, a través das áreas de Servizos e Medio Ambiente, por fomentar a reciclaxe entre a cidadanía do municipio. A prestación do servizo será basicamente igual para os hostaleiros e as comunidades veciñais, aínda que con algún matiz diferencial.
No primeiro dos supostos, a empresa especializada na recollida de aceite de fritura usado fará un contrato con cada establemento de hostalería. Mediante o mesmo, ambas as dúas partes comprometeranse a xestionar o aceite que se xere. Desde o Concello, destácase que a importancia deste contrato radica en que os empresarios e empresarias poidan demostrar ante a Consellería de Sanidade que están xestionando debidamente estes residuos tóxicos.
Unha vez solicitado o servizo e realizado o contrato, os hostaleiros e hostaleiras disporán dos bidóns que precisen para a recollida do aceite. Corresponderá aos clientes contactar coa empresa cando os contedores estén cheos para que sexan incluídos na ruta de recollida. Cando esta se produza, recibirán un albará no que figurará a cantidade de aceite, os datos da empresa hostaleira e a data de recollida. Tamén unha sinatura do chofer da empresa especializada na xestión do aceite.
No caso das comunidades veciñais -cun mínimo de oito vivendas- o proceso será similar, aínda que se canalizarará enteiramente a través do Concello. Neste sentido, serán empregados municipais -previo aviso- os que procederán á recollida do aceite cando se enchan os bidóns. Ao igual que no anterior suposto, os presidentes de cada comunidade de veciños recibirán en cada recollida un detallado albará.
En ambos os dous casos, toda a xestión será totalmente gratis. Os empresarios e empresarias de hostalería e as comunidades veciñais interesadas na prestación deste servizo deben solicitalo chamando ao Concello (981 704 100). Tamén poden deixar un aviso no apartado Carballo Limpo desta páxina web.