A CONCELLERÍA DE CULTURA PRESENTOU UN PROGAMA CUNHA OFERTA VARIADA QUE INCLÚE NOVIDADES CON RESPECTO A OUTRAS EDICIÓNS
Os Venres Culturais 2008 ofrecen unha programación variada e dirixida a públicos diversos
Venres 18 de xaneiro do 2008
"Coido que os Venres Culturais son unha oferta moi interesante e diversa que está ideada para agradar a públicos moi diversos", asegurou Belén Lendoiro. A programación xira ao redor de varios eixos temáticos como son a música, o teatro, as exposicións, charlas... Pero ademais da oferta habitual, este ano a programación inclúe importantes novidades con respecto a outras edicións.
A concelleira de Cultura referiuse á incorporación aos ciclos de Cinemas Dixitais, que promove a Consellería de Cultura da Xunta, para divulgar a produción audiovisual galega. Neste sentido, os Venres Culturais ofrecerán catro documentais de temática variada. Tamén, por vez primera, se inclúe nesta programación un ciclo de maxia ou un apartado para actuacións de música pop baixo o nome 'Docespop'.
As persoas interesadas en coñecer polo miúdo toda a oferta cultural que ofrece o Concello de Carballo para os vindeiros meses poden facelo clicando aquí. Tamén poden ir consultado na axenda de 'carballo.org' os espectáculos máis inmediatos.
Os Venres Culturais -aínda que tamén haberá actuacións en sábado ou domingo- están organizados pola Concellería de Cultura de Carballo. Colaboran nesta programación o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), a Deputación da Coruña, a Fundación Caixa Galicia e varias asociacións do municipio.
O precio das entradas para aqueles espectáculos que non sexan gratuitos oscilará entre os 2,5 e os 5 euros. O Concello informa de que por vez primeira para os Venres Culturais se ofrece a posiblidade de mercar bonos. Toda esta información aparece na programación completa que se adxunta na nova. Os interesados en reservar entradas poden facelo contactando coa Concellería de Cultura no 981 704 300.