ENCONTRO EMPRESARIAL URUGUAY-BERGANTIÑOS O DÍA 25
Empresarios uruguaios e bergantiñáns intercambiarán ideas en Carballo
Mércores 23 de xaneiro do 2008
O programa de actos do Encontro Empresarial Uruguay-Carballo comezará ás 10.30. A esa hora, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a concelleira de Emigración, Lourdes Rey; e máis o responsable de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, recibirán na Casa do Concello aos 16 representantes de AEGU que se desprazarán ata o municipio.
Ás 11.00 horas está prevista unha visita ao Parque Empresarial do Polígono Industrial de Bértoa. Media hora despois, a delegación de AEGU -encabezada polo seu presidente, César Antelo Manteiga- será presentada ao empresariado local no Viveiro de Empresas de Bértoa. Varias asociacións de empresarios bergantiñáns confirmaron xa a súa participación na xornada, pero os que non o fixeron aínda están a tempo.
Tras unha pausa para tomar café, o programa continuará ás 12.50 horas cunha rolda de contactos entre os empresarios asistentes a esta xornada de intercambio de ideas e proxectos. Neste sentido, o Concello de Carballo informa de que as persoas interesadas en concertar entrevistas con algún dos 16 membros da delegación de AEGU poden facelo chamando ao número 981 704 700. Para coñecer a listaxe cos nomes, apelidos e actividade económica dos empresarios uruguaios, clicar aquí.
"Este encontro chega no momento oportuno posto que o inicio das obras de ampliación do polígono de Bértoa supón unha boa oportunidade para a colaboración e investimento empresarial", asegura García Guillín. A concelleira de Emigración, Lourdes Rey, pola súa banda, explica "a importancia de fortalecer os fortes vínculos que existen entre o pobo galego e o suramericano" e lembra os esforzos do Concello "por continuar a potenciar as relacións coa emigración bergantiñá en toda América Latina".
O Encontro Empresarial Uruguay-Bergantiños está previsto que remate ás 14.00 horas cun desprazamento ás praias de Baldaio e Razo. Non obstante, a maioría dos representantes de AEGU permanecerán varios días máis na comarco visitando ás súas respectivas familias.