PROGRAMACIÓN DE CARNAVAL
O Concello anima á cidadanía a que participe na celebración do Entroido
Xoves 24 de xaneiro do 2008
Baixo o lema 'Atrévete', o cartel anunciador da programación do Entroido pretende animar á poboación a que participe un ano máis nesta festa. Reforza esta idea a imaxe que o ilustra: unhas pernas de home con zapatos de tacón femininos. "O Entroido é unha festa na que a xente debe divertirse e disfrazarse deixando as vergoñas na casa", asegurou Belén Lendoiro.
A concelleira de Cultura engadiu que desde o seu departamento se pretende fomentar a participación da cidadanía nesta tradidicional festa. Para conseguilo, o Concello deseñou un atractivo programa que se abrirá o venres día 1 de febreiro ás 22.00 horas co espectáculo de cabaré 'Moulin Rouge' no cruce das rúas Coruña e Colón e que se pechará o domingo co Enterro da Sardiña, que comezará ás 21.30 na praza do Concello.
Pero un ano máis, o prato forte do Entroido chegará o domingo a partir das 18.00 horas co desfile de disfraces, comparsas e carrozas. Previamente celebrarase o concurso, que repartirá uns 6.000 euros entre os participantes nos capítulos de premios e subvencións. Neste último caso, sobre todo pensadas para axudar a compesar os gastos das custosas carrozas do Entroido. O humorista carballés Rober 'Bodegas' -gañador do concurso televisivo 'El rey de la comedia'- presentará e animará o desfile.
Tampouco faltarán durante esa fin de semana de protagonismo exclusivo do Carnaval charangas, teatro, zancudos ou 'comelumes' para animar as rúas. Tamén se organizarán obradoiros de Entroido, tanto na Ludoteca coma na praza do Concello, adicados as menores. O sábado terá lugar un concurso de postres típicos desta festa organizado pola asociación de Amas de Casa e o martes día 5 celebrarase a Festa dos Maiores, que estará amenizada pola orquesta Trébol.
As persoas que estean interesadas en coñecer polo miúdo a programación deseñada polo Concello de Carballo para celebrar o Entroido 2008 poden facelo descargando o documento que se adxunta nesta nova.