VISITA DUN CAMPIÓN DO TOUR DE FRANCIA
Óscar Pereiro abarrota o salón de actos do Pazo da Cultura
Venres 25 de xaneiro do 2008
Pero antes de receber o cariño da cidadanía carballesa e someterse ás súas preguntas, o ciclista de Mos foi recibido na Alcaldía. O acto institucional tivo lugar ás 19.30 horas e no mesmo participaron o rexedor local, Evencio Ferrero, o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, e a delegada provincial de Cultura e Deportes, Milagres Lantes.
O campión galego, ao que a xustiza deportiva finalmente lle acabou outorgando a condición de gañador absoluto do Tour 2006, fixo gala unha vez máis hoxe da súa humildade e carácter extrovertido. Ambas as dúas características convérteno nun ídolo moi querido pola xente.
Marcos Trigo expresou o que supón a presenza na vila dunha estrela mundial do deporte das dúas rodas. "Para Carballo é un orgullo recibir a visita dunha figura que engrandece como poucos o deporte galego". Tamén desexou que actos coma o de hoxe contribúan a que a afición ao ciclismo "medre no noso Concello".
Óscar Pereiro cumpriu hoxe o seu compromiso con Carballo. Esta visita estaba programada para o pasado 13 de decembro, pero unha concentración programada a última hora polo seu equipo, o Caisse D'epargne, impedírallo naquel momento.