Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Grupo de Goberno leva a Pleno a...

SESIÓN ORDINARIA ÁS 20.30 HORAS

O Grupo de Goberno leva a Pleno a desafectación dunha parcela para construir unha 'galescola'

Luns 28 de xaneiro do 2008

A desafectación de 1.950 metros cadrados da parcela -dun total de 11.911 metros- na que se ubica na actualidade o CEIP Bergantiños (punto 2) é un requisito esixido pola Consellería de Educación para a posterior construción da 'galescola' neste terreo.

O orzamento para esta gardería ascende ata os 760.000 euros, cantidade que asumirá nun 80% a Vicepresidencia da Xunta, mentres que o 20% restante financiarase con fondos municipais. Esta 'galescola' será a primeira das dúas que o Goberno galego se comprometeu a construir en Carballo e a mesma contará con oito unidades.

Outros asuntos destacables que se someterán hoxe á aprobación do Pleno son a adhesión do Concello á Asociación impulsora do Pacto Territorial de Emprego da Costa da Morte (punto 4) e a presentación dos proxectos de obra do campo de fútbol anexo ao das Eiroas (punto 5). Estes traballos disporán dun presuposto de 600.000 euros.

O resto dos puntos da orde do día son os seguintes: aprobación de actas (punto 1); modificación das parcelas 1-2-3, 1-2-4 e 1-2-5 do inventario municipal e bens para axustalas ás determinacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) (punto 3); aprobación definitiva do Plan Parcial do Sector C-1 (punto 6); aprobación definiva do estudo de detalle para o reaxuste das aliñacións no quinqueiro municipal delimitado polas rúas Castiñeiros, Ameneiros e Bidueiros (punto 7) e seguimento de órganos de Goberno (punto 8).

Compartir: