TRABALLOS DE REFORMA E AMPLIACIÓN
Ánxela Bugallo acudirá o 1 de febreiro a Berdillo para inaugurar as obras do Centro Social
Xoves 31 de xaneiro do 2008
O remate das obras que mañán se inauguran na parroquia carballesa de Berdillo foi posible gracias a un convenio de colaboración asinado no seu día entre o Concello de Carballo e a Consellería de Cultura a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.
Tras as alocucións que realizarán durante o acto inaugural as autoridades asistentes, procederase a realizar unha visita ao edificio. Un portavoz das asociacións de Berdillo terá tamén a ocasión de dirixirse aos seus veciños e veciñas durante o acto oficial.
Por outra banda, a Agrupación Cultural Arume ofrecerá unha mostra de música e baile tradicionais. Como colofón á inauguración do remozado Centro Social de Berdillo -acto que estará aberto ao público- ofrecerase aos asistentes un aperitivo acompañado dun viño do país.