Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello pon en marcha unha campaña para...

POSTA EN VALOR DO PATRIMONIO

O Concello pon en marcha unha campaña para mellorar a sinalización turística

Venres 1 de febreiro do 2008

Esta campaña consta de tres fases, que se corresponden con tres tipos de sinalización diferente. A primeira, na que os operarios municipais xa están a traballar, consiste na colocación de grandes paneis de información turística nos límites do termo municipal de Carballo.

Os mesmos inclúen un mapa no que se resaltan os principais atractivos turísticos da capital bergantiñá. Dous situaranse na estrada A Coruña-Carballo (un na entrada desde a cidade herculina e outro no acceso desde Coristanco), outro na estrada que ven de Santiago, un máis na vía que procede de Ordes e o último na que une Carballo con Malpica.

Durante a segunda fase desta campaña, instalaranse sinais que lles indicarán aos visitantes o camiño que deben seguir para atopar a Ofinicina Municipal de Turismo, sita no Museo de Bergantiños. Estes paneis distribuiranse por todo o casco urbano de tal xeito que os turistas teñan sempre clara esta referencia independentemente do punto da cidade na que se atopen.

A derradeira fase consistirá na colocación ao longo do paseo do Anllóns de paneis nos que se recollerá información mediambiental. Máis en concreto, datos sobre a fauna e a flora que integra o rico ecosistema do río.

O concelleiro de Turismo, Xosé Manuel García Guillín, destaca a importancia deste tipo de actuacións informativas para ofrecerlles o mellor servizo ás persoas que visiten Carballo. "O obxectivo é dar a coñecer aos viaxeiros os numerosos recursos turísticos cos que conta o municipio. Dito doutro xeito, facelos accesibles".

Tamén subliña que esta campaña de mellora na sinalización supón un paso adiante máis na aposta decidida do Concello de poñer en valor todo o patrimonio cultural, artístico e paisaxístico do municipio.

Compartir: