DÍA DE FESTA PARA A PARROQUIA
Berdillo celebrou ao grande a inauguración do seu Centro Social
Luns 4 de febreiro do 2008
Practicamente a totalidade da Corporación Local carballesa quixo estar presente nunha das datas máis sinaladas na historia de Berdillo. Pero ademais do Goberno Local, a Xunta de Galicia estivo tamén amplamente representada. A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, liderou unha comitiva na que tampouco faltaron o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Lois Bará, nin a delegada provincial de Cultura, Milagres Lantes.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, destacou durante o acto a importancia de que o mundo rural e o urbano acaden un equilibrio no municipio. Tamén subliñou a unión que existe en Berdillo e desexou que os veciñas e veciñas desta parroquia "aproveiten o Centro Social do mellor xeito posible". Bugallo, pola súa banda, felicitou ao movemento asociativo de Berdillo por ter contribuido "a facer a cultura deste país".
Durante o acto inaugural, que comezou pasadas as 20.00 e rematou unha hora despois, procedeuse a visitar as instalacións do Centro Social. Pero o prato forte da xornada chegou despois no salón de actos, onde os políticos e a cidadanía compartiron espazo para presenciar a actuación da Agrupación Cultural Arume. Porque o venres, a Cultura foi a gran protagonista do día en Berdillo.