Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello solicita a colaboración da...

VISITA DA DIRECTORA XERAL PARA O DEPORTE

O Concello solicita a colaboración da Xunta para renovar a piscina de Vila de Noia

Xoves 7 de febreiro do 2008

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, e o de Obras e Servizos, Lois Lamas, exerceron de anfitrións o mércores, día 6 de xaneiro, durante unha xornada na que as representantes do Goberno galego comprobaron in situ as melloras realizadas recentemente en varias infraestruturas deportivas.

Neste sentido, Marta Souto e Milagres Lantes visitaron o campo municipal de fútbol das Eiroas, onde se investiron máis de 300.000 euros para cambiar o céspede e o sistema de rego. A maior parte deste investimento foi aportado pola Xunta. Nesta mesma instalación, o Concello ten proxectadas unhas melloras no campo de fútbol anexo ao principal, no que se invertirán 600.000 euros.

Ambas as dúas actuacións suporán un investimento de case un millón de euros nun prazo aproximado dun ano. A directora xeral para o Deporte e a delegada provincial visitaron de igual xeito o renovado pavillón de Bergantiños, que dispón desde hai un mes dun novo e moderno pavimento de linóleo.

Representantes das diferentes entidades deportivas que empregan a cotío as instalacións municipais acompañaron ás representes do Goberno galego en varias das paradas que realizaron durante unha visita que se prolongou durante máis de dúas horas.

A directora xeral para o Deporte destacou a calidade, cantidade e variedade da oferta deportiva que existe no Concello de Carballo, especialmente centrada no traballo coa base.

Compartir: