Inicio Carballo ao día Hemeroteca Preto de 150 deportistas competirán o...

CAMPIONATO GALEGO OPEN DE NATACIÓN MÁSTER DE INVERNO

Preto de 150 deportistas competirán o domingo na piscina Bergantiños de Carballo

Xoves 7 de febreiro do 2008

O club Fogar Natación Carballo, que aportará 18 competidores á proba, organiza de forma conxunta coa Federación Galega de Natación a presente edición do campionato galego open de natación máster de inverno. Colaboran no evento o Padroado Deportivo Municipal e o Concello de Carballo.

A presentación da proba tivo lugar hoxe -7 de febreiro- ás 17.00 horas no Concello. Na mesma participaron o secretario da Federación Galega de Natación, Ramón Mosquera, o presidente do club Fogar Natación Carballo, Antonio Varela, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo. Durante a rolda de prensa, Ramón Mosquera destacou que Carballo "é unha aposta segura para organizar este tipo de eventos".

O equipo que presentará o club Fogar Natación Carballo para a competición estará dirixido por Gustavo Álvarez e por Antonio Recarey e integrarano un total de 18 deportistas: 11 homes e 7 mulleres.

O campionato galego de inverno de natación máster celebrarase durante todo o domingo en dúas sesións. A de mañán comezará ás 10.00 horas e na mesma disputaranse as series de 50 metros costas e bolboreta; 200 brazada e estilos; 400 libres e os relevos 4x50 libres mixtos, masculino e feminino.

Pola tarde, desde as 17.00 horas, disputaranse as series de 50 metros libres e brazada, 100 bolboreta, estilos e libres; 200 costas e os relevos 4x50 estilos, tanto masculino como feminino.

Compartir: