FONDOS FEDER
O Concello solicita axuda para crear en Carballo un Centro de dinamización socioeconómico sostible
Xoves 14 de febreiro do 2008
O Goberno local elaborou un proxecto que cifra en 5.570.000 euros a cantidade necesaria para poñer en marcha esta iniciativa. O Concello aportaría o 30% da mesma e o resto dos fondos procederían das axudas que aportan os Fondos Feder para Proxectos integrais de rexenarión urbana e rural.
O Centro de dinamización socioeconómica e sostible de Carballo englobará e ampliará o actual proxecto da Casa do Oficios. Según se recolle no proxecto, está previsto que se cree en catro fases, sempre e cando a Dirección Xeral de Fondos Comunitarios e Financiamento Territorial conceda a subvención solicitada polo Concello.
Forum Carballo pretende acadar a cohesión do territorio a través do desenvolvemento dun programa de dinamización vertebrado ao redor de tres eixos fundamentais. No proxecto aclárase cales son estas ideas clave.
"O fomento da innovación empresarial e social, o fomento das oportunidades de desenvolvemento profesional e persoal e a creación de espazos físicos e virtuais de intercambio e convivencia". Tamén se especifica que "como eixo estrutural do proxecto procederase á rexeneración urbana sostible do barrio da Milagrosa".
Un dos obxectivos do Concello é que Forum Carballo estea aberto á participación cidadá desde os seus primeiros pasos. Con esta fin, convídase a todos os veciños e veciñas a presentar suxestións ao proxecto e a aportar ideas e inquedanzas. A documentación do proxecto está á disposición da cidadanía nas oficinas municipais.