Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobación defitiniva do Plan Parcial do...

ACORDOS PLENARIOS

Aprobación defitiniva do Plan Parcial do Sector C-1 e do orzamento para o 2008

Martes 26 de febreiro do 2008

O Plan Parcial do Sector C-1permitirá a construción no lugar de Agra de Formigoso (nunha das beiras da estrada Carballo-Fisterra) dun polígono comercial por parte da iniciativa privada. A intención do Goberno municipal é permitir a creación dunha gran zona comercial que poida actuar como elemento de atracción para que os veciños e veciñas dos municipios limítrofes realicen as súas compras na capital da comarca de Bergantiños.

Este punto fora debatido xa no pleno correspondente ao mes de xaneiro, pero quedara pendente de aprobación. O motivo de que se pospuxera ata onte o visto bo a esta importante iniciativa para Carballo foi unha alegación presentada por particulares. Esta alegación referíase aos límites do ámbito do proxecto, por considerar que estos poderían entrar en conflito coa normativa urbanística municipal.

O Goberno local de Carballo -integrado polo BNG e o PSdeG-PSOE- encargou un informe ao xurista Julio Castelao Rodríguez, que é unha das máximas autoridades en temas de urbanismo a nivel estatal. O resultado do traballo por este prestixioso analista ratificou os informes dos técnicos municipais e confirmou a absoluta legalidade do proxecto.

O alcalde, o nacionalista Evencio Ferrero, destacou a importancia que terá a construción deste polígono comercial para crear riqueza na cidade. "Será vital para atraer visitantes a Carballo e para crear postos de emprego". O rexedor local engadiu que ninguna das naves comerciais que se instalarán neste ámbito superará os 2.000 metros cadrados de superficie de venda.

Durante a sesión plenaria celebrada onte, a Corporación Local procedeu tamén á aprobación definitiva do orzamento municipal para o presente ano 2008 tras o rexeitamento de dúas alegacións. Este presuposto ascende ata os 21,3 millóns de euros, convertíndose no máis elevado da historia de Carballo.

Compartir: