Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello e AS-PG presentan a cuarta...

FORMACIÓN PARA AS NAIS E OS PAIS

O Concello e AS-PG presentan a cuarta edición do programa ‘Aprender para Educar’

Xoves 28 de febreiro do 2008

Esta iniciativa formativa foi presentada onte, día 27 de febreiro, no Pazo da Cultura polo alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Educación, Mar Eirís e pola vicepresidente da AS- PG, Libia Pérez. Durante a presentación, os participantes na mesma aclararon que este proxecto recolleu e incorporou ao mesmo diferentes aportacións realizadas polas diferentes Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (Anpas) do municipio.

A recollida de información para enriquecer o programa constituiu a primeira fase do seu desenvolvemento. A segunda consitirá na organización de diferentes charlas-coloquio que poidan contribuir a ampliar a formación dos pais e nais de Carballo para que poidan afrontar con máis garantías o seu cometido como educadores.

A primeira destas charlas ofreceuna hoxe o profesor da universidade tinerfeña da Laguna, Fernando Barragán. A mesma versou sobre a posibilidade de educar sin exercer a violencia. A segunda terá lugar mañá e titularase ‘A liberdade da lingua: espazos e presenzas das mulleres. A poñente será Eulalia Lledó.

‘Aprender para Educar’ reanudarase despois da Semana Santa cun obradoiro sobre sexualidade que se desenvolverá os días 28 de marzo, 4 e 11 de abril. Para o mes de abril están programadas tamén outras tres charlas. Para facilitar a participación en todas estas actividades dos pais e das nais, o Concello de Carballo ofrece un servizo de canguraxe. Para reservalo é preciso chamar ao número 981 704 300.

Mar Eirís destacou a importancia que o programa posibilite "a colaboración entre as familias, a escola e a sociedade na difícil misión de educar". Neste sentido, subliñou que ‘Aprender para Educar’ "é unha ferramenta moi útil para que os pais e nais poidan darlle aos seus fillos e fillas unha educación integral".

Compartir: