SOLIDARIEDADE
O Concello colaborará de novo este ano co pobo saharauí a través do programa ‘Vacacións en Paz’
Mércores 5 de marzo do 2008
'Vacacións en Paz’ representa desde hai xa 15 anos o mellor símbolo da solidariedade da sociedade civil e das diferentes institucións do Estado español co pobo saharauí. Tras a caída do franquismo e a descolonización africana, o pobo saharauí (que aínda conserva o castelán coma segunda lingua) foi sometido polo Reino de Marrocos.
Os membros do pobo saharauí que conseguiron salvar as súas vidas escapando da represión do novo invasor -e os seus descendentes- viven desde hai 30 anos nos campos de refuxiados de Tinfouf, na zona da Hamada alxeriana. Pero as condicións de vida nese lugar son extremas. Sobre todo durante os meses de verán, nos que a temperatura pode chegar a rebasar os 50 grados centígrados á sombra.
O programa ‘Vacacións en Paz’ naceu para que os nenos e nenas saharauís poidan viaxar a España durante os meses centrais do verán (xulio e agosto) e ser acollidos por familias, as cales se encargan do seu coidado e manutención. Os Concellos que colaboran co programa (Carballo leva máis de 10 anos facéndoo) teñen outra serie de obrigas, entre as que está a de asumir o custe da viaxe de ida e volta dos menores desde Alxeria e a de seleccionar ás familias de acollida.
O Concello de Carballo está a realizar entrevistas entre diferentes familias candidatas a participar durante o presente verán no programa, que persegue tres obxectivos fundamentais: alonxar aos menores das abafantes temperaturas estivais do deserto, permitir que coñezan outra cultura e facilitarlles a atención médica precisa para contribuír ao seu correcto desenvolvemento físico.