PROGRAMA 'A CULTURA EDUCA'
Catro colexios desfrutarán mañán da obra teatral 'Valdemuller' a cargo do Centro Dramático Galego
Luns 10 de marzo do 2008
A representación da obra teatral terá lugar mañán, 11 de marzo, no Pazo da Cultura. Haberá dous pases. Os alumnos e alumnas do colexio Artai e do IES Alfredo Brañas asistirán ao das 10.00 horas, mentres que os menores dos outros dous centros educativos farano ás 12.00.
A proposta 'Teatro na Escola' para o curso 2007-2008 forma parte do programa 'A Cultura Educa'. A través da mesma o Concello de Carballo contrata diferentes obras de teatro segundo os distintos niveis educativos do alumnado.
No presente curso escolar, os alumnos e alumnas de 1º e 2º de Bacherelato xa asistiron ao espectáculo 'Zardigot', escenificado pola compañía 'Espello Cóncavo' durante o pasado mes de decembro.
A obra que o Concello de Carballo lles achegará mañán aos escolares carballeses ('Valdemuller') vai dirixida a un público adolescente. Na mesma, emprégase un elemento residual nos espazos teatrais para adultos, os monicreques, polo que o Centro Dramático Galego define esta proposta como ousada e arriscada.
Para convertila en realidade, seleccionáronse creadores de contrastada solvencia. O texto teatral está baseado na novela 'Valdemuller', de Xosé A. Neira Cruz, que obtivo o premio de literatura xuvenil 'Barco de Vapor'.
O director é Pablo Vergne, un recoñecido director manipulador de monicreques tanto a nivel nacional como internacional, e os seus traballos caracterízanse por un estilo singular que combina tradición e innovación.
As persoas que desexen obter máis información sobre este espectáculo pode acceder á páxina do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem) clicando aquí .