Inicio Carballo ao día Hemeroteca Touriño comprométese en Carballo a...

VISITA INSTITUCIONAL

Touriño comprométese en Carballo a mellorar as infraestruturas da Costa da Morte

Luns 24 de marzo do 2008

Pérez Touriño foi recibido polo alcalde de Carballo, o nacionalista Evencio Ferrero, e pola Corporación Local no Salón de Plenos do Concello. Acto seguido, o presidente galego visitou o recentemente ampliado parque empresarial de Bértoa.

Durante a súa alocución ante a Corporación Local, Touriño destacou a importancia da ampliación do parque empresarial de Bértoa para contribuir ao desenvolvemento da comarca. E comprometeuse a mellorar as infraestruturas viarias da comarca.

Previamente, Evencio Ferrero entregáralle ao presidente galego un documento coas prioridades de investimento público no municipio. "Mellorar a comunicación entre Carballo e Santiago é fundamental porque a actual estrada é un anacronismo no tempo actual", asegurou o alcalde. Tamén destacou a necesidade de comunicar o polígono de Bértoa co Porto Exterior de Punta Langosteira (Arteixo).

O presidente da Xunta prometeu que ambas as dúas peticións se ían incluir no Plan Director de Infraestruturas e avanzou que "esta folla de ruta coas actuacións prioritarias para os vindeiros anos" será presentada antes do verán.

Tamén destacou que o proxecto para dotar a Carballo dunha circunvalación de 7 quilómetros está xa nunha fase moi avanzada e que a Mesa de Negociación para o vial de alta capacidade da Costa da Morte manterá unha xuntanza o mércores día 26 de marzo.

Neste sentido, amosou a súa confianza en que antes de que remate o presente mes se poidan adxudicar as obras do primeiro tramo deste vial de alta capacidade entre Carballo e Berdoias (Vimianzo), que contará cun investimento de 250 millóns de euros. Touriño cifrou en 340 millóns de euros o custe total desta infraestrutura e destacou que "é a actuación máis importante desta lexislatura".

Neste sentido, asegurou que este gran vial "deixa de ser unha esperanza e axiña se convertirá nunha realidade" e engadiu que "esta infraestrutura cambiará o futuro da comarca".

Compartir: