Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle esta fin de semana a fase final...

DEPORTE DE BASE

Carballo acolle esta fin de semana a fase final A-4 de baloncesto cadete, na que participan dous clubs locais

Xoves 3 de abril do 2008

O evento deportivo foi presentado hoxe, día 3 de abril, na Alcaldía polo Concelleiro de Deportes, Marcos Trigo. Durante a súa intervención, tivo palabras de agradecemento ás diferentes federacións deportivas galegas "por confiar reiteradamente nos clubs carballeses para a organización de competicións". Neste sentido, tamén aproveitou para felicitar aos equipos do municipio polos seus éxitos, tanto a nivel competitivo coma organizativo.

O pavillón municipal ‘Vila de Noia’ será o escenario onde se despute a fase final de baloncesto cadete masculina, cuxa organización recaerá no club Escola Basket Xiria. A competición principiará o sábado, día 5, coa primeira semifinal, que enfrontará aos equipos do San Rosendo e da Compañía de María. O partido principiará ás 10.30 horas.

Ese mesmo día, desputarase tamén a segunda semifinal que ofrecerá o choque fraticida entre o Placasa e o Artai a partir das 12.30 horas. Os vencedores de ambos os dous cruces están citados o domingo, día 6, ás 12.30 horas para desputar a gran final. A loita polo terceiro e cuarto posto dirimirase antes, ás 10.30 horas.

Pero a fin de semana baloncestística da que desfrutará a cidadanía carballesa inclúe tamén varias actividades paralelas á fase final de categoría cadete masculina. O sábado disputarase no pavillón do IES Isidro Parga Pondal o partido entre o Montelfre Xiria e o San Rosendo correspondente á derradeira xornada da Liga Junior Masculina. O domingo, pola súa banda, o programa baloncestístico ofrece o choque da Liga EBA entre o Rhino’s Xiria e o Grupo CLN Xixón.

As persoas que desexen obter máis detalles sobre o programa baloncestístico desta fin de semana en Carballo poden facelo descargando o tríptico informativo que se adxunta nesta nova. Neste documento, ademais, figura información sobre os planteis dos clubs, fotografías e a taboa clasificatoria.

Compartir: