PROGRAMACIÓN DOS 'VENRES CULTURAIS'
Edwin Moses presenta o seu novo disco en Carballo despois de triunfar en Corea e Xapón
Mércores 9 de abril do 2008
Edwin Moses é unha banda asturiana de música pop fundada por Pedro Vigil, Luigi Navarro e Pablo Errea. Adoptaron este nome dun descoñecido músico afroamericano -corista de Wilson Picket- que se converteu no seu leitmotiv, recreando a súa biografía a través dos seus traballos discográficos. Musicalmente defíneos un marcado estilo funk orquestrado, mesturado con notas de bubble-gum pop, soul de pista de baile, temas espirituais e música disco.
Hoxe presentan en Carballo e en Galicia (é a primeira vez que tocan na nosa comunidade autónoma) 'The Gospel African Years of Jamal Nafsum', o seu último traballo (Siesta 218; 2006), co que acadaron un grande éxito en países coma Corea ou Xapón. Unha das anécdotas que define a esta peculiar banda é que Jamal Nafsum é o nome de Edwin Moses logo de converterse ao Islam.
Nesta nova etapa, a formación asturiana introduce novos matices procedentes da influencia da música africana que conxugan co soul e coa música espiritual. A banda intégrana Pedro Vigil (guitarra, baixo e coros), Pablo Errea (voz, guitarra e baixo), Eduardo Salueña (piano), Guzmán Argüello (frauta e saxo alto), Juan A. Martínez (saxo tenor) e Eva Toca (batería).