Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de mil menores de Carballo...

FOMENTO DA LECTURA

Máis de mil menores de Carballo participarán nas actividades da 'Semana do Libro e a Lectura'

Xoves 17 de abril do 2008

Trátase dunha semana repleta de actividades dedicadas a promover a lectura e a literatura entre os escolares, os profesores, as nais e os pais e o público en xeral. A ‘Semana do Libro e a Lectura’ toma como referencia o ‘Salón do Libro Infantil e Xuvenil’ de Pontevedra, polo que este ano terá como eixo temático o mar. Arredor deste tema desenvolveranse no Pazo da Cultura actividades participativas con carácter formativo e lúdico nas que os nenos e nenas xogarán un papel activo.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, descatou hoxe -día 17 de abril- na presentación destas xornadas que máis de mil rapaces e rapazas do municipio participarán nestas actividades. Tamén estiveron na presentación ante a prensa a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, a Delegada Provincial de Cultura, Milagres Lantes, o Presidente da AS-PG, Xoán Costa e o director da oficina de CaixaNova -entidade colaboradora coa iniciativa- en Carballo José Ulfe.

As actividades da ‘Semana do Libro e a Lectura’ inclúen obradoiros destinados ao alumnado dos centros de educación infantil, primaria e secundaria de Carballo que abranguen aspectos moi diversos. Os mesmos desenvolveranse en horario de mañán no segundo andar do Pazo da Cultura, decorado con temática mariña -haberá 12 ilustracións nas paredes- e repleto de libros de literatura infantil cedidos por diferentes editoriais; así coma por material aportado polos centros educativos. Estes tres eixos integrarán esta exposición permanente durante a semana.

Outra parte do programa está dirixida ao profesorado, co obxectivo de proporcionar estratexias para fomentar entre o seu alumnado o gusto pola lectura. Tamén as familias recibirán unha charla na que se lles darán consellos e se lles explicarán estratexias para crear ou consolidar a afección pola lectura nos nenos e mozos.

O programa da ‘Semanas do Libro e a Lectura’ complétanse con actividades abertas ao público xeral e que se desenvolverán habitualmente en horario de tarde. A inauguración deste semana -o domingo 20 de abril ás 12.30 horas- correrá a cargo do grupo Stranniki, que proporá unha viaxe musical por cidades relacionadas co mar. A clausura terá lugar o sábado 26 de abril -tamén ás 12.30 horas- coa representación teatral ‘Os tres porquiños e algún outro’ a cargo da compañía Teatro do Tempo.

Ademais, todos os días haberá contacontos abertos ao público a partir das 18.30 horas nos que participarán Manolo Vázquez (de Berrobambán Teatro), Yolanda Castaño e Eduardo Hermida, Charo Pita ou Celso Fernández Sanmartín. As persoas interesadas en coñecer máis polo miúdo a programación, poden descargar o documento que se adxunta.

Compartir: