FÚTBOL SALA
Os dous bergantiñáns alevíns que gañaron o campionato de España con Galicia recibiron a felicitación do Alcalde
Venres 18 de abril do 2008
Os xoves heroes deportivos locais chámanse Manuel Nogueira Rodríguez, natural de Os Muíños (Muxía) e Serxio Capelán López, de Carballo. Ambos os dous recibiron hoxe o recoñecemento do Goberno Local polo éxito colleitado xunto aos seus compañeiros a semana pasada en terras aragonesas.
Porque foi na localidade oscense de Jaca onde a Selección Galega se proclamou campiona de España de fútbol sala en categoría alevín masculina tras derrotar na final a Andalucía por un axustado 2-1. O Alcalde, Evencio Ferrero, agasallou aos menores con senllos hórreos de cerámica, símbolos da arquitectura tradicional da comarca.