Inicio Carballo ao día Hemeroteca Costas mantivo a primeira xuntanza en Carballo de...

PLAN DE SUSTENTABILIDADE AMBIENTAL DE BALDAIO

Costas mantivo a primeira xuntanza en Carballo de cara a elaborar o proxecto para protexer o ecosistema de Baldaio

Martes 22 de abril do 2008

Acompañado polo enxeñeiro Ricardo Babío, que dirixirá o proxecto, e por técnicos da empresa Ciisa, que será a encargada de executar os traballos, Rafael Eimil reuniuse onte co Alcalde, Evencio Ferrero, e con outros membros da Corporación Local e da agrupación de mariscadoras Fonte de Santa Helena.

Neste encontro, que tivo lugar no Salón de Xuntas do Concello, participaron tamén técnicos da Consellería de Pesca da Xunta de Galicia e da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

O obxectivo destes primeiros contactos foi recabar toda a información dos colectivos cuxas aportacións máis poidan contribuír á elaboración deste ambicioso proxecto que preservará a riqueza natural de Baldaio. O documento deberá estar rematado nun prazo inferior a un ano.

En vindeiras datas, representantes da Demarcación de Costas manterán novas xuntanzas con novos colectivos do tecido asociativo carballés. Neste sentido, están previstos encontros con diferentes asociacións de veciños e ecoloxistas.

O Alcalde de Carballo, o nacionalista Evencio Ferrero, destacou tras a xuntanza que esto "supón un paso máis na posta en valor de Baldaio e Razo". Tamén subliñou o esforzo do Estado por preservar o litoral carballés "porque Costas leva investido máis de tres millóns de euros nos últimos anos".

Compartir: