'DESFRUTA DO DEPORTE CO TEU BEBÉ'
O Concello oferta un obradoiro destinado a bebés e aos seus proxenitores
Mércores 23 de abril do 2008
O obradoiro desenvolverase no Pazo da Cultura todos os martes e xoves do vindeiro mes de maio en horario de 11.00 a 12.00. A intención do Concello de Carballo é formar un grupo de 15 bebés, que estarán acompañados polos seus respectivos pais e nais. Unha monitora especializada en deporte para menores de curta curta idade dirixirá o taller.
O obxectivo desta actividade é crear un espazo destinado aos proxenitores do municipio de Carballo que así o desexen para que poidan participar cos seus fillos e fillas en actividades deportivas adaptadas para bebés.
Esta nova oferta do Concello de Carballo enmárcase dentro dos esforzos que está a realizar o Goberno Local por fomentar actividades que contribúan á conciliación da vida familiar e laboral e que, así mesmo, fomenten o desfrute do tempo compartido entre os pais/nais e os fillos/as.
As persoas interesadas en participar nesta actividade deben apuntarse no CIM de Carballo, na pranta baixa do Concello (departamento de Servizos Sociais) de luns a venres de 9 a 14 horas a partir do 24 de abril.
O Concello informa de que as prazas (ata completar un máximo de 15) serán adxudicadas por rigurosa orde de inscrición.