PODERASE VISITAR ENTRE OS DÍAS 2 E 15 DE MAIO
A exposición 'Podemos. Queremos', sobre corresponsabilidade doméstica, chega a Carballo
Martes 29 de abril do 2008
Esta exposición fotográfica de Xurxo Lobato pretende concienciar sobre o necesario reparto das tarefas no fogar. A iniciativa itinerante da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia comezou a 'viaxar' polos Concellos galegos a mediados de 2006 e chega a Carballo despois de ter percorrido xa 40. Ata finais do presente ano 2008 aínda poderá ser contemplada, ademais de en Carballo, noutros 15 municipios máis.
A Concelleira de Igualdade do Concello de Carballo, Lourdes Rey, aclara que "un reparto equilibrado de papeis entre os homes e as mulleres é imprescindible para acadar a realización plena do principio de igualdade". E engade que "as mulleres levan dado xa moitos pasos nesta dirección e por iso un dos grandes retos recae agora do lado dos homes, que deben demostrar que queren avanzar neste sentido".
As fotografías amosan ao ciclista Óscar Pereiro preparando un biberón, ao deseñador Roberto Verino lavando os grelos, ao cineasta Antón Reixa pasando o aspirador, ao escritor Manuel Rivas pelando patacas, ao actor Morris limpando cristais, ao reitor Domingo Docampo poñendo o lavalouzas, ao adestrador Arsenio Iglesias coidando aos netos, ao actor Luis Tosar fregando o chan, e aos xornalistas Fernando Ónega, Terio Carrera e Xosé Manuel Gayoso fregando os pratos, pasando o ferro e facendo a cama, respectivamente.
Os 12 paneis nos que estarán expostos as fotografías tamén inclúen textos de Rosa Aneiros, Anxos Sumai, Marga do Val, Yolanda Castaño, María Reimóndez, e Mercedes Queixas.