Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aberto o prazo para inscribirse en dous...

REDE DE DINAMIZACIÓN DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN

Aberto o prazo para inscribirse en dous obradoiros sobre informática e uso do galego en internet

Mércores 30 de abril do 2008

Nesta ocasión, os obradoiros ofertados serán dous e impartiranse baixo os epígrafes de 'A blogotica de Bergantiños' e 'Continuará...'. A segunda das actividades dividirase en dúas quendas e todas estas xornadas formativas desenvolveranse na Aula de Informática, sita nas antigas Escolas do Xardín (no edificio da Ludoteca Infantil).

O obradoiro 'A Blogotica de Bergantiños' celebrarase entre os días 5 e 16 de maio todos os luns, mércores e venres en horario de tarde: de 16.30 a 18.30 horas. Esta actividade vai dirixida a mulleres e coa mesma preténdese que as participantes se acheguen ás novas tecnoloxías empregando o idioma galego. A actividade finalizará coa creación dun blog que cada unha das participantes completará con textos propios -previamente dixitalizados-, creando deste xeito unha 'botica'.

Pola súa banda, o taller 'Continuará...' levarase a cabo en dúas quendas. A de mañán (de 11.30 a 13.30 horas) impartirase o luns día 5 de maio, o mércores 7 e o venres día 9 de maio. A de tarde celebrarase en horario de 16.30 a 18.30 o martes 27, o xoves 29 e o venres día 30 de maio.

A segunda das propostas formativas ('Continuará...') ten como finalidade fomentar a lectura e a escritura en galego a través de internet. Como comezo da actividade aos participantes facilitaráselles o inicio dunha historia ao que deberán darlle continuidade. Cada creación literaria quedará exposta en internet co obxectivo de que os demais internautas teñan a ocasión de ver o traballo realizado.

Para acadar máis información sobre estes obradoiros ou para formalizar as inscricións nos mesmos, as persoas interesadas deben achegarse á Aula Informática Municipal (Rúa Desiderio Varela), ou chamar ao teléfono 981 75 73 62. O Concello informa de que se confeccionarán grupos de 10 persoas ata satisfacer toda a demanda.

Esta iniciativa formativa parte da Rede de Dinamización da Sociedade da Información do PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información) e é unha das estratexias fundamentais para o desenvolvemento das políticas de inclusión na Sociedade da Información e o desenvolvemento rural. Para máis información sobre este proxecto, clicar aquí.

Compartir: