Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Programa das Letras ofrece 17 actividades...

PROMOCIÓN DA LINGUA, DO LIBRO E DA LECTURA

O Programa das Letras ofrece 17 actividades culturais durante o mes de maio en Carballo

Venres 2 de maio do 2008

O acto de presentación ante os medios de comunicación principiou ás 12.00 horas no Pazo da Cultura e no mesmo estiveron presentes, ademais de Belén Lendoiro, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o director de Caixa Nova en Carballo, José Ulfe e o director da OP de Caixa Galicia de Carballo, Javier Pérez. Ambas as dúas entidades bancarias colaboran con esta nova iniciativa cultural do Concello de Carballo.

Durante o Programa das Letras 2008 desenvolveranse un total de 17 actividades durante 12 días, que abarcarán diferentes ámbitos do eido cultural. Un dos actos de maior relevancia terá lugar con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas o 17 de maio. O mesmo celebrarase na Praza do Concello, que acollerá unha nova edición da iniciativa 'Oito horas lendo' (das 11.30 ás 19.30 horas), un maratón de lectura da obra dos escritores que foron homenaxeados no Día das Letras Galegas.

Cada participante lerá un fragmento literario de calquera dos corenta e catro autores e autoras aos que lles foi adicado o Día das Letras Galegas e que seleccionará o propio lector/a. Con esta actividade o Concello de Carballo quere realizar unha homenaxe á lingua galega, involucrando a un gran número de cidadáns e cidadás de Carballo e aos seus representantes culturais, sociais, políticos e económicos.

Para realizar a reserva de horario, poden poñerse en contacto coa Concellería de Cultura chamando ao número 981 704 300. Este acto pecharase coa entrega de premios a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo ás 19.00 horas. Á VI edición deste concurso foron presentados 40 artigos, un número significativamente maior ao de edicións anteriores.

Ademais, Neste Día das Letras Galegas reediatarase unha Guía de Recursos de páxinas web en galego, que se realizou coa colaboración do alumnado e equipos de Normalización Lingúística dos centros de ensino. Para a súa distribución contarase coa colaboración de La Voz de Galicia, que o día 17 de maio a entregará cos xornais.

O Programa das Letras 2008 ofrece ademais dúas exposicións, dúas funcións teatrais, un espectáculo de maxia, outro de poesía, música e canción; ou varios concertos, entre outras moitas actividades que poderán ser consultadas en formato pdf nesta páxina web a partir do luns día 5 de maio.

Compartir: