Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello abre a inscrición para a quenda...

'DESFRUTA DO DEPORTE CO TEU BEBÉ'

O Concello abre a inscrición para a quenda de tarde do obradoiro destinado a bebés que principiará o 16 de maio

Mércores 7 de maio do 2008

O obradoiro desenvolverase no Pazo da Cultura -a partir do día 16 de maio- todos os venres de 18.00 a 19.00 horas. Durante o mes de xuño, o obradoiro continuará cunha periodicidade de dous días a semana: os martes e xoves en horario de 17.00 a 18.00.

A intención do Concello de Carballo é formar un grupo de 15 bebés (as prazas adxudicaranse por rigurosa orde de inscrición), que estarán acompañados en todo momento durante o desenvolvemento da actividade polos seus respectivos pais e nais ou titores legais. Unha monitora especializada en deporte para menores de curta curta idade dirixirá o taller.

O obxectivo desta actividade é crear un espazo destinado aos proxenitores do municipio de Carballo que así o desexen para que poidan participar cos seus fillos e fillas en actividades deportivas adaptadas para bebés.

Esta nova oferta do Concello de Carballo enmárcase dentro dos esforzos que está a realizar o Goberno Local por fomentar actividades que contribúan á conciliación da vida familiar e laboral e que, así mesmo, fomenten o desfrute do tempo compartido entre os pais/nais e os fillos/as.

As persoas interesadas en participar nesta actividade deben apuntarse no CIM de Carballo, na pranta baixa do Concello (departamento de Servizos Sociais) de luns a venres de 9 a 14 horas a partir do 7 de maio.

Compartir: