A CÁMARA DE COMERCIO DA CORUÑA COLABORA NESTA INICIATIVA
O Concello presenta as xornadas 'Carballo Emprende 2008', destinadas a fomentar a creación de empresas
Venres 9 de maio do 2008
Xosé Manuel García Guillín salientou durante a presentación de 'Carballo Emprende 2008' que "o municipio reúne unhas condicións especiais para acoller a persoas emprendedoras. Ademais do Viveiro de Empresas, dos servizos de asesoramento ao emprendedor e dunha situación estratéxica preto da Coruña, Santiago ou o futuro Porto Exterior de Punta Langosteira (Arteixo), estase a desenvolver o proxecto de ampliación do polígono a bo ritmo".
O Concelleiro de Promoción Económica, así mesmo, explicou que o actual Grupo de Goberno ten "un compromiso especial" cos emprendedores e emprendedoras porque "garanten o futuro económico do país e contribúen a xerar postos de traballo", asegurou. Con todo, García Guillín advertiu da necesidade de que "calquera persoa con interese en crear unha empresa, formar unha cooperativa ou converterse en autónomo debe ter presente os pasos que debe dar, ata onde quere chegar e facer unha análise detida do seu proxecto, das inversións necesarias, dos trámites, e un longo etcétera".
Precisamente por este motivo, 'Carballo Emprende 2008' terá un marcado carácter divulgativo sen perder de vista a oportunidade de crear sinerxias que favorezan o encontro de emprendedores e incluso das empresas xa consolidadas. Ademais dun ciclo de charlas orientativas, as xornadas contarán tamén coa presenza de representantes de distintas institucións relacionadas co mundo dos emprendedores/as.
Así, no Viveiro de Empresas habilitaranse varios despachos onde se instalarán varias entidades e organismos co obxectivo de informar e asesorar detidamente ás persoas que queiran afondar en proxectos, información financeira, axudas e subvencións, etc. Estas entrevistas terán carácter persoal e poderanse reservar previamente na recepción do Viveiro de Empresas. Para máis información, descargar o documento que se adxunta.
Premios Carballo Emprende
Por outra banda, e co obxectivo de promover a cultura emprendedora, o Concello de Carballo promove dous concursos abertos para toda a comarca da Costa da Morte. Trátase do 'I Premio de Programas de Fomento da Emprendeduría' e do 'I Premio Carballo Emprende', nos que poderán participar tanto centros educativos e de formación coma persoas emprendedoras ou empresas de recente creación.
As bases de ambos os dous concursos -así coma os formularios para inscribirse- poden obterse descargando os documentos que se adxuntan nesta nova.