Inicio Carballo ao día Hemeroteca Xesús Fraga gaña o 'IV Premio...

KIKO NOVOA OBTIVO O SEGUNDO PREMIO

Xesús Fraga gaña o 'IV Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores Concello de Carballo'

Martes 13 de maio do 2008

O autor analiza neste escrito o importante que é para a normalización lingüística a fornada de grupos musicais actuais que cantan en galego con total normalidade, sen ter que cargar coa responsabilidade de facer país ou salvar o idioma, igual que antes fixera o movemento bravú, 'Os Resentidos' ou Andrés do Barro.

Xesús Fraga (Londres, 1971) reside na Coruña e é redactor e locutor de 'La Voz de Galicia' e 'Radio Voz' dende 1996 e tamén colaborador do programa da TVG 'Libro Aberto'. Como escritor ten publicados tres libros: 'Tute para catro' (Xerais, 2000), 'A-Z' (Xerais, 2003) e 'Solimán' (Xerais, 2004). Tamén publicou a tradución ao galego de 'Arthur e George', de Jullian Barnes.

O segundo premio, dotado con 350 euros e a publicación do artigo nos nove medios de comunicación antes citados, foi para o artigo 'Carta dun trífido esquizoide', de Kiko Novoa. No texto, saliéntase a modernidade, necesidade e practicidade do galego, e faise cunha comparativa co sueco e cunha destacada calidade literaria con tintes rupturistas e con destacados valores estilísticos.

Kiko Novoa (Culleredo, 1973) reside en Perillo (Oleiros). Na actualidade é xornalista de Radio Voz Bergantiños e anteriormente foi correspondente de 'La Voz de Galicia' e 'RNE' en Escandinavia. Tamén foi locutor da 'Radio Galega' e redactor xefe do xornal 'Deporte Campeón'.

Os obxectivos deste premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego da nosa lingua na prensa escrita.

A entrega dos premios terá lugar o vindeiro sábado, día 17 de maio, a partir das 19.00 horas no Xardín Municipal para poñer o peche ao maratón de lectura 'Oito horas lendo'.

Compartir: