Inicio Carballo ao día Hemeroteca Manuel Vázquez anuncia en Carballo un...

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

Manuel Vázquez anuncia en Carballo un investimento de 8’5 millóns de euros da súa Consellería no municipio

Xoves 15 de maio do 2008

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o Concelleiro de Medio Ambiente, José Antonio Viña e outros membros da Corporación Local brindáronlle unha recepción oficial a Manuel Vázquez tras a cal o Conselleiro compareceu en rolda de prensa para anunciar os proxectos que o seu departamento ten previsto acometer nos vindeiros meses en Carballo por un importe de 8,5 millóns de euros.

O primeiro en executarse será o saneamento integral de Razo. A obra xa foi adxudicada á empresa ‘Espina Obras Hidráulicas’ e a mesma comezará antes de que principie o verán. Manuel Vázquez tamén avanzou que Medio Ambiente asumirá o custe do saneamento integral de Baldaio e da zona de Ardaño, Rus e Entrecruces. Así mesmo, anunciou que a Xunta financiará os traballos para levar o abastecemento de auga a Baldaio.

Por último, o Conselleiro de Medio Ambiente tamén se compremeteu ante o Goberno Local carballés a que a Xunta de Galicia acometerá a demolición do edificio adquirido polo Concello na Ponte do río Anllóns (no barrio da Milagrosa).

As previsións da Consellería de Medio Ambiente e do Goberno Local son que a totalidade das obras anunciadas sexan licitadas nun prazo de tres a catro meses, unha vez que se superen os trámites previos preceptivos como a elaboración dos respectivos proxectos e que o Concello poida poñer á disposición da Xunta os terreos nos que se executarán os traballos.

Compartir: