Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha ducia de proxectos participaron nos premios...

O NOME DOS GAÑADORES/AS FARASE PÚBLICO O 22 DE MAIO

Unha ducia de proxectos participaron nos premios Carballo Emprende

Martes 20 de maio do 2008

No apartado dos premios referido ás ideas emprendedoras, moitas das propostas presentadas a concurso foron empresas xa establecidas aínda que con menos de dous anos de existencia, requisito indispensable para poder concorrer ao certame. Tamén houbo candidatos que presentaron proxectos en vías de desenvolvemento que resultaron de interese para o xurado polo seu carácter innovador. Cada un dos candidatos tiña que presentar un breve resumo do seu plan de empresa, unha memoria da súa actividade e un estudo que definira a viabilidade da idea.

Polo que se refire ao concurso que premia as iniciativas para o fomento da cultura emprendedora, o xurado valorou tres propostas de outras tantas entidades de interese social e formativo. Éstas tiveron que presentar unha breve memoria descritiva das actividades que levan a cabo e os obxectivos acadados co seu traballo. O xurado destacou a variedade dos proxectos avaliados e a calidade dos mesmos e destacou o elevado número de proxectos que se presentaron á convocatoria.

O nome dos galardoados farase público o venres día 22 de maio, no acto de clausura das xornadas Carballo Emprende, que comezarán o xoves nas instalacións do Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio de A Coruña, ubicado no Polígono Industrial de Bértoa. Estas xornadas están promovidas polo Concello de Carballo e pola Cámara de Comercio da Coruña.

Pero a iniciativa Carballo Emprende recibiu en recentes datas o apoio da Obra Social de Caixa Galicia e das Consellerías do Medio Rural, Traballo e Innovación e Industria. As persoas interesadas en participar no evento aínda están a tempo de inscribirse. Para elo deben chamar ao teléfono 981 757 693 ou ben apuntarse no Viveiro de Empresas de Bértoa.

Compartir: