XORNADAS PROMOVIDAS POLO CONCELLO E POLA CÁMARA DE COMERCIO DA CORUÑA
Carballo Emprende inaugúrase o día 22 de maio ás 11.30 horas no Viveiro de Empresas
Mércores 21 de maio do 2008
O acto de inauguración terá lugar ás 11.30 horas e contará coa presenza da Delegada Provincial da Consellería de Medio Rural, Olga María García Agra, do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, dun representante da Cámara de Comercio e do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín.
Durante os dous días nos que se celebrarán as xornadas, expertos de distintas áreas de interese para unha personalidade emprendedora farán unha análise das oportunidades de negocio, axudas e colaboracións ás que pode acceder calquera persoa con inquedanzas pola posta en marcha dunha iniciativa empresarial.
Ademais das charlas e coloquios, calquera persoa poderá realizar consultas persoais nos distintos 'stands' habilitados no Viveiro de Empresas para afondar no seu proxecto, recibir información sobre financiamento, axudas e ata buscar socios ou inversores que sexan do seu interese.
En canto ás persoas interesadas en acudir como público ás xornadas, deberán inscribirse previamente no Viveiro de Empresas. O aforo para asistir ás charlas é limitado, aínda que os servizos de consultoría cos distintos órganos representados na xornada é de libre acceso. As persoas interesadas en coñecer o programa e horarios das xornadas poden facelo descargando o documento que se adxunta.