SEGURIDADE VIARIA
Os Alcaldes de Carballo e Malpica presentan a nova ruta do Noitebús
Xoves 22 de maio do 2008
O diálogo entre os Concellos de Carballo e Malpica permitiu que a nova ruta circular do Noitebús -que funciona todos os sábados- sexa xa unha realidade desde o pasado día 17 de maio. Esta ampliación do servizo (tanto de traxectos coma de horarios) baséase na inmellorable acollida que esta iniciativa tivo entre a cidadanía desde que se estreara no mes de agosto de 2007.
Os datos falan por si mesmos. En pouco máis de nove meses de funcionamento, máis de 3.000 usuarios e usuarias empregaron o servizo do Noitebús, que naceu coa vocación de contribuír a incrementar a seguridade viaria nas noites das fins de semana e previr os accidentes de tráfico entre a mocidade.
O proxecto do Noitebús, que promove o Concello de Carballo en colaboración con outros Gobernos locais da zona, está subvencionado pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes da Xunta de Galicia.