Inicio Carballo ao día Hemeroteca A xornada inaugural de 'Carballo...

CONCELLERÍA DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

A xornada inaugural de 'Carballo Emprende' concita a máis dun centenar de persoas

Xoves 22 de maio do 2008

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Delegada provincial da Consellería de Medio Rural, Olga María García Agra participaron no acto inaugural do evento, no que tamén participaron o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín e Juan Cancela, representante da Cámara de Comercio da Coruña e empresario da zona.

O primeiro edil carballés quixo destacar o momento idóneo para poñer en marcha este proxecto e a creación do Viveiro de Empresas como un elemento dinamizador e novedoso no entorno coruñés. Evencio Ferrero pediu a complicidade e compromiso do conxunto da sociedade para que as persoas emprendedoras poidan cruzar "esa ponte que lle tende o Concello e a Cámara de Comercio para acadar os seus obxectivos empresariais".

Pola súa banda, a Delegada de Medio Rural, Olga María García Agra, felicitou aos promotores deste foro por "defender e promover os intereses de todos" e polo apoio ao "empresariado e á actividade agrogandeira e comprometida co desenvolvemento rural".

As análises dos expertos sobre oportunidades de negocio, axudas e colaboracións, complementáronse coa posibilidade de contar con asesoramento personalizado nos distintos 'stands' habilitados no propio Viveiro de Empresas para todas aquelas persoas que quixeran afondar no seu proxecto de negocio, recibir información sobre financiamento ou na busca de inversores e socios.

As xornadas continuarán mañá, día 23 de maio, a partir das 10.00 horas. O programa do día inclúe, ademais das conferencias e encontros de emprendedores, a entrega dos premios Carballo Emprende aos proxectos gañadores. O acto terá lugar ás 12.30 horas, momento tras o cal que se procederá á clausura do foro.

Compartir: