Inicio Carballo ao día Hemeroteca BERCA Carpintería e EFA Fonteboa, grandes...

CONCELLERÍA DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

BERCA Carpintería e EFA Fonteboa, grandes triunfadoras dos premios Carballo Emprende

Venres 23 de maio do 2008

Evaristo Cambón e Jesús Cruz levan varios meses coa súa empresa en marcha e contan cun taller na parroquia de Sofán. "Apostamos por emprender no medio rural e creo que foi un acerto", asegura Evaristo Cambón, quen engade que "hoxe en día non hai distancias".

Estes novos empresarios están a piques de formalizar a contratación dos seus dous primeiros empregados, aínda que xa xeraron dous postos de traballo indirectos derivados da súa actividade. Os gañadores do certame recibiron o premio con moita satisfacción. "Este é un recoñecemento a unha idea de negocio, aos riscos que asumimos e ao traballo que desenvolvemos".

As persoas interesadas en coñecer as especiais características desta innovadora empresa, poderán atopar información ao respecto descargando o documento que se adxunta.

O segundo proxecto premiado en Carballo Emprende foi o liderado por Encarna Herranz. Trátase da empresa Manduca, o primeiro cátering con sede na Costa da Morte e que partiu dunha idea emprendedora nacida da análise do mercado existente e da ausencia de oferta deste tipo de servizos na bisbarra. A xerente de Manduca recibiu o premio de mans de Juan Cancela Sánchez, membro do pleno da Cámara de Comercio da Coruña e presidente de Asemcar.

O terceiro premio foi para o proxecto Mediges, S.C., unha empresa de recente creación adicada ao desenvolvemento de software e solucións informáticas para a xestión de entidades médicas. O seu promotor recibiu a distinción de Carballo Emprende de mans de Xosé Luis Liñares, responsable da Obra Social de Caixa Galicia.

A gran triunfadora dos premios Carballo Emprende no eido das iniciativas de formación e de impulso da cultura emprendedora, foi a empresa EFA Fonteboa de Coristanco, unha entidade entregada á formación de profesionais para o mundo agrario e que ten como un dos seus obxectivos o impulso e a potenciación das empresas no sector primario.

O coordinador de Fonteboa, Luis García, recolleu o diploma de mans do Alcalde, Evencio Ferrero. No caso deste galardón, o xurado decidiu outorgar un premio extraordinario ao proxecto desenvolvido polo Centro Social San Xoán Bautista de Carballo, por "promover o autoemprego e a formación entre os colectivos máis desfavorecidos para mellorar a súa calidade de vida e integración".

O galardón foi recollido por Maite Prieto Martín de mans do Concelleiro de Promoción Económica Xosé Manuel García Guillín. Todos os premiados recibiron un diploma acreditativo así como a cantidade económica asignada a cada premio e categoría, segundo se establecía nas bases do concurso promovido polo Concello de Carballo en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña.

Compartir: