ÉXITO NA AFLUENCIA DE PÚBLICO
Preto de 200 persoas participaron nas xornadas Carballo Emprende
Venres 23 de maio do 2008
Daniel Ramos Lobón, presidente de AJE Marineda, foi o que abriu a xornada falando do papel dos xóvenes empresarios no tecido económico e falou das vantaxes e servizos que ofrece a súa asociación aos seus membros. Ramos Lobón amosouse moi satisfeito por presentar a súa asociación en Carballo. Recordou que o ámbito de AJE Marineda é provincial e dende esa perspectiva manifestou o seu interese por "colaborar e contactar con entidades como Axober".
A continuación tivo lugar unha mesa redonda na que os responsables das empresas Serviocio, Grupo Galinova e Raz Surfcamp expuxeron a súa experiencia como empresarios recordando as vicisitudes que tiveron que afrontar no comezo da súa actividade. Todos eles fixeron fincapé en aspectos como a formación, a idea empresarial, as novas tecnoloxías e a ilusión que debe ter un empresario cada día.
Todas estas empresas teñen abertos mercados fora de Galicia, polo que tamén animaron aos novos negocios a buscar oportunidades de negocio noutras latitudes. Dolores Vázquez e Óscar Bolón García, representantes de Aspaber UTE e Íntegro, respectivamente, falaron das trabas que se atopan as persoas con discapacidade para abrirse un oco no mercado laboral ou para poñer en marcha unha empresa.
A última das actividades de Carballo Emprende reuniu a varios emprendedores da zona para que contasen a súa experiencia. As súas empresas teñen menos de dous anos de existencia e tamén teñen en común que buscaron asesoramento a través de servizos coma os ADL dos concellos, a Cámara de Comercio ou o Igape, entre outras entidades.
A fisterrana Ali Carrillo expuxo cómo puxo en funcionamento unha empresa de ocio centrada no mergullo e no turismo náutico; o carballés Evaristo Cambón relatou a súa experiencia entorno á creación dunha carpintería na parroquia de Sofán; mentres que Encarna Herranz amosou cómo foron os comezos do seu negocio, unha empresa de cátering.
Entre o público tamén figuraba un dos responsables da empresa Bergantiños Prevención de Riscos Laborais, un negocio de recente creación e asentado no Viveiro de Empresas que tamén aportou o seu punto de vista sobre os primeiros pasos dos novos empresarios da Costa da Morte.
Os organizadores de Carballo Emprende 2008 mostráronse moi satisfeitos pola acollida que tivo a iniciativa e a participación de público nas xornadas. O responsable da concellería de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, recordou que o apoio aos emprendedores está activado "todos os días do ano" e salientou o traballo que desempeñan os dinamizadores de emprego para animar á xente con inquedanzas empresariais a afrontar calquera reto que se propoñan.