Inicio Carballo ao día Hemeroteca As bandeiras azuis ondearán este...

CARBALLO GAÑA BANDEIRAS AZUIS CANDO EN ESPAÑA E EN GALICIA SE REDUCEN ESTES DISTINTIVOS DE CALIDADE

As bandeiras azuis ondearán este verán nas praias de Razo e Pedra do Sal

Xoves 29 de maio do 2008

O Concelleiro de Praias, Benedito Viña, amosou a súa satisfacción polo feito de que Carballo vaia dispor este ano do dobre de bandeiras azuis que durante o anterior, cando a tendencia en Galicia e no resto do Estado é xustamente a contraria. Na comunidade galega pérdense 18 bandeiras azuis (o cal non impide que continúe a ser a rexión europea con mellores areais) e no conxunto do Estado esta cifra elévase a 44.

"A bandeira azul para a praia da Pedra do Sal non fai senón recoñecer os esforzos do Goberno Local por conseguir que os areais do municipio acaden os mellores parámetros de calidade", asegurou Viña Costa. E recordou que unha bandeira azul non só mide a calidade das augas senón tamén a calidade dos servizos, da xestión ambiental, da seguridade e en xeral das instalacións das que dispoña.

Neste sentido, tamén lembrou que desde hai máis dunha semana os operarios municipais están a traballar para ultimar o adecuamento das infraestruturas e servizos das praias do municipio de cara ao inminente comezo da temporada de verán. Así mesmo, aclarou que a Demarcación de Costas está a piques de rematar a reconstrucción da ponte de Baldaio, que fora danada hai uns meses polo forte temporal que azotara as costas galegas.

Por último, Benedito Viña avanzou que o primeiro tramo do carril bici entre Carballo e Razo entrará en funcionamento a mediados do vindeiro mes de xuño. "Esperamos que os esforzos do Concello por mellorar a calidade das praias sirvan para atraer máis turismo ao municipio", desexou.

Compartir: