SIMPOSIO MEDIOAMBIENTAL
As IV Xornadas de Enerxías Renovables e Aforro Enerxético estréanse con éxito de público
Xoves 29 de maio do 2008
Este simposio sobre cuestións medioambientais estase a desenvolver baixo unha carpa que se habilitou no exterior do Pazo da Cultura de Carballo. Esta instalación conta con 12.000 metros cadrados de superficie cuberta destinados á mostra na que participan un total de 17 expositores, entre os que figuran empresas e organismos públicos. O Concello conta cun stand e no mesmo ofrécese información detallada sobre o Polígono de Bértoa.
No primeiro día destas xornadas tamén participaron o Director Xeral de Innovación, Salustiano Mato, quen impatiu unha charla na que informou sobre as axudas destinadas a fomentar o I+D en Galicia no eido dos proxectos medioambientais. Pola súa banda, Miguel Ángel Valladares, director de comunicación de WWF Adena España, achegou ao auditorio o traballo das entidades ecoloxistas na loita contra o cambio climático poñendo especial énfase no papel que xogan as enerxías renovables.
Xa durante a tarde, o numeroso público que asistiu ás xornadas puido escoitar a charla do presidente de Sogama, José Álvarez Díaz, quen aportou datos sobre a actividade da Plataforma Tecnolóxica do Medio Ambiente e da Agrupación Empresarial Innovadora do sector da enerxía e o medioambiente.
Como colofón ao primeiro día do simposio, José Manuel Méndez, responsable de produto da firma automobilística Toyota en España, enumerou as vantaxes do uso de motores híbridos na automoción. Toyota foi a primeira marca en comercializar a nivel mundial vehículos utilitarios con este innovador tipo de motorización.