Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acollerá en xullo un curso de...

DESENVOLVERASE ENTRE OS DÍAS 15 E 17 DE XULLO NO PAZO DA CULTURA

Carballo acollerá en xullo un curso de verán sobre dinamización lingüística e novas tecnoloxías

Mércores 4 de xuño do 2008

As liñas temáticas do curso centraranse nas oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías e o software libre no proceso de modernización e na avaliación das posibilidades de avanzar na incorporación do galego ao proceso de alfabetización tecnolóxica.

Ao longo dos tres días de duración desta acción formativa, expertos de Galicia, Cataluña e Extremadura disertarán sobre a alfabetización tecnolóxica, a realidade cultural, as oportunidades do software libre, etc. Así, a Directora xeral da Sociedade da Información da Xunta de Galicia, Helena Veiguela, falará sobre as TIC e os retos da normalización e do multilingüismo; Fernanda Jaramillo, da Junta de Extremadura presentará o proxecto de alfabetización tecnolóxica desa comunidade; diversos expertos galegos analizarán os espazos tecnolóxicos para o galego; Toni Martí, profesora da Universidade de Barcelona, ofrecerá a súa visión sobre tecnoloxías e enxeñería lingüística; etc.

Ademais, membros de diferentes proxectos, entidades e empresas presentarán experiencias como ferramentas, recursos, proxectos, programas, contidos, iniciativas... Así mesmo, organizaranse diverentes actividades lúdicas, como a proxección da exitosa película 'Pradolongo', que será presentada polo seu director e polos actores protagonistas do filme.

Programa completo e preinscrición
O programa completo do curso pode consultarse na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade da Coruña udc.es/snl. A preinscrición para participar no curso debe realizarse antes do 27 de xuño. A ficha de inscrición tamén pode descargarse a través da web da Universidade da Coruña.

Este curso está organizado polo SNL da Universidade da Coruña e conta coa colaboración do Concello de Carballo, da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e da Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña. As persoas interesadas en ampliar a información sobre o curso poden descargar o documento que se adxunta nesta nova.

Compartir: