Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Goberno Local asina un convenio con...

CONSORCIO GALEGO DE SERVIZOS DA IGUALDADE E BENESTAR

O Goberno Local asina un convenio con Vicepresidencia para a construción dun Centro de Día

Martes 10 de xuño do 2008

Este acordo enmárcase no compromiso do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar, que promove a Vicepresidencia da Xunta de Galicia, de construír doce novos Centros de Día en diferentes Concellos, entre os cales se atopa Carballo. O convenio foi asinado onte en Santiago de Compostela por Anxo Quintana e os Alcaldes da ducia de municipios nos que se crearán as novas infraestruturas sociais.

O acordo establece que as diferentes Corporacións Locais porán á disposición do Goberno galego os terreos nos que se construirán os Centros de Día, que serán coxestionados pola Xunta e os Concellos a través do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar. Anxo Quintana destacou nos doce casos mencionados as obras para crear as novas infraestruturas xa están adxudicadas ou en fase de adxudicación, "polo que esperamos que estean operativas no 2009", precisou.

As persoas interesadas en acadar máis información sobre este convenio poden consultar aquí a nova publicada na páxina oficial da Vicepresidencia da Xunta de Galicia.

Compartir: