PROXECTO FÓRUM
Carballo recibe unha axuda europea de 3,2 millóns de euros que permitirá rematar a Casa dos Oficios
Martes 17 de xuño do 2008
Segundo os prazos marcados, a execución dos traballos comezará o antes posible, xa que as cinco naves que compoñen a Casa dos Oficios deberán estar rematadas no ano 2009, mentres que no 2010 o recinto terá que estar xa en funcionamento. Tanto o Alcalde carballés, Evencio Ferrero, como o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, amosaron a súa satisfacción por poder sacar adiante este proxecto acadando para Carballo a subvención máis elevada da súa historia.
En toda Galicia, tan só sete municipios de entre 20.000 e 50.000 habitantes -os únicos que podían acollerse a estas axudas- foron capaces de conseguir estes fondos comunitarios, destinados á dinamización socioeconómica e sostible das vilas beneficiarias.
O proxecto da Casa dos Oficios implica a construción de cinco naves no barrio da Milagrosa, das que neste momento están levantadas tres, aínda que non concluídas. Esta inxección económica permitirá non só rematar o proceso construtivo, senón equipar axeitadamente cada un destes edificios. As dúas primeiras naves estarán destinadas á dinamización empresarial e a acoller as oficinas do Inem, mentres que as tres restantes acollerán as actividades propias do Centro de Formación carballés.
Esta non é a única axuda que o Concello ten recibido nos últimos tempos para desenvolver o seu ambicioso proxecto da Casa dos Oficios, xa que a Deputación da Coruña concedeu unha subvención de medio millón de euros para esta actuación.