Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello aprobará no vindeiro Pleno os...

AS OBRAS ESTARÁN FINANCIADAS POR AUGAS DE GALICIA

O Concello aprobará no vindeiro Pleno os anteproxectos para crear as redes de saneamento de Baldaio, Ardaña e Rus

Mércores 18 de xuño do 2008

O Concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Carballo, José Antonio Viña, aclara que as obras que asumirá Augas de Galicia centraranse na construción da rede de canalización xeral e que o Concello -en posteriores actuacións- completará o servizo ata que a totalidade dos veciños e veciñas das zonas ás que darán cobertura estes dous ambiciosos proxectos de saneamento dispoñan desta infraestrutura básica.

Tamén explicou que, no caso da zona de Baldaio, a canalización xeral que se creará unirá as localidades de Castrillón e Rebordelos. Para salvar os desniveis do terreo, instalaranse varios puntos de bombeo. Tamén se creará unha rede entre a Pedra do Sal e Rebordelos, que se unirá á anterior nun punto no que se instalará unha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). O presuposto de licitación desta obra é de 2,8 millóns de euros.

José Antonio Viña subliña que as novas infraestruturas que Augas de Galicia promoverá en Carballo servirán para conectar toda a rede de saneamento xa creada en anteriores actuacións en cada zona en concreto (caso do Castrillón, Imende, Castelo e Rebordelos). E que tanto esta obra coma a extensión da rede ata onde fora preciso será acometida polo Concello unha vez que estén rematados os traballos proxectados pola Xunta.

No referente á dotación dunha canalización xeral de saneamento na zona de Ardaña e Rus, o Concelleiro de Medio Ambiente aclara que ésta irá desde A Canosa ata preto de Noví e que tamén inclúe dous ramais "que baixarían da zona de Coristanco". Así mesmo, instarase unha EDAR na zona de Noví e o Concello -con posterioridade á obra principal, coma no caso anterior- completará a rede de saneamento en actuacións futuras. O presuposto de licitación deste proxecto é de preto de 2,8 millóns de euros.

O Goberno Local presentou estes dous anteproxectos nas comisións informativas preparatorias do Pleno celebradas hoxe -día 18 de xuño- pola tarde.

O titular de Medio Ambiente recorda que estes ambiciosos proxectos súmanse a outro similar que xa se está desenvolvendo en Razo e que xa foi adxudicado por Augas de Galicia á empresa ‘Espina Obras Hidráulicas’. O presuposto de licitación, neste caso, elevouse ata 1,3 millóns de euros.

Compartir: