NOVAS TECNOLOXÍAS
Carballo intégrase na Rede de Telecentros de Galicia cun espazo no Pazo da Cultura
Xoves 19 de xuño do 2008
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero , e o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín , presentaron esta iniciativa que pretende contribuír á alfabetización dixital da poboación e facilitar o acceso da mesma ao sector audiovisual. O Telecentro, que actuará tamén como aula de informática, supuxo unha inversión de 130.000 euros e conta con cen metros cadrados de superficie, 19 puntos de acceso a Internet e un sistema central de control.
Os veciños e veciñas só terán que rexistrarse para poder empregar os ordenadores, aínda que deberán solicitar con antelación a realización doutras actividades, como no caso das vídeo conferencias. A nova infraestrutura coa que conta o Concello de Carballo permite incluso o desenvolvemento de actos para empresas que requiran das ferramentas dispoñibles no local. Polo de agora, o servizo funcionará en horario de verán de 9.30 a 14.00 horas.
O Telecentro está situado no Pazo da Cultura e a súa implantación supón a eliminación da aula de informática das Escolas do Xardín, o que permitirá ampliar a Ludoteca, que pasará a ocupar todo o espazo das escolas.
Xosé Manuel García Guillín engadiu que o Concello está dirixindo os seus esforzos cara a ampliación da cobertura da banda ampla no rural para poder chegar á maioría do territorio municipal no prazo máximo dun ano. Pola súa banda, o Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou que, con este paso, Carballo sitúase á vangarda das novas tecnoloxías.